Foto: Amanda Estévez |
-¿Como está a vivir a pretempada?
-Levamos unha semana e estamos coñecéndonos todos. Toca coñecer aos novos compañeiros, e ao corpo técnico.
-Quédalle esta temporada de contrato co Celta. ¿Como a afronta?
-Con moitas ganas, coma sempre, con moita ilusión. Quero tentar disfrutar un ano máis de estar en Primeira e tentar xogar o maior número de partidos.
-A tempada pasada quedou claro que pode responder na máxima división.
-Traballo día a día para que cando o adestrador me di que teño que axudar dentro do campo, facelo o mellor posible. Ás veces as cousas saen mellor, outras peor, pero, hai que traballar día a día para cando teñas a oportunidade.
-¿A titularidade e o seu rendemento nos últimos partidos da tempada déronlle un plus de confianza?
-Si, está claro que cando che dan a oportunidade de xogar e as cousas saen ben, pois é un plus para seguir traballando e para demostrarte a ti mesmo que está preparado para facelo.
-Teñen novo adestrador de porteiros, Carlos Kisluk. ¿Que tal está sendo o traballo con el?
-Ben, estamos adaptándonos a el, e el a nós, fala moito con nós, comunícase moito, prepara ben os exercios e de momento estamos moi contentos co traballo que estamos facendo.
-Nas últimas semanas especulouse coa posible saída de Yoel.
-Non teño nin idea. Eu teño unha boa relación con el, está de bo humor, coma sempre. Está todo normal.
-No caso de Rubén Blanco, xa é un máis no traballo co primeiro equipo.
-Si, xa o ano pasado adestraba con nós case todos os días, e é un máis. O importante é competir ben.
-O Celta pechou o último curso cun noveno posto. ¿Pódese pedir máis este ano?
-Hai que comezar con cautela porque hai un corpo técnico novo e hai que adaptarse. O ano pasado os inicios non foron sinxelos, así que hai que ir pasiño a pasiño. Primeiro hai que conseguir a permanencia e despois xa se verá. Creo que a liga, tal e como se viu o ano pasado, está moi igualada.
-¿Quizais mellorar a primeira volta é o primeiro reto?
-Si, pero temos corpo técnico novo e eles teñen que adaptarse a nós e nós a eles. Hai que tentar facelo un pouco máis rápido porque o ano pasado costounos algunha que outra derrota e pásalo un pouco mal.
-Sen embargo parece que as liñas mestras están marcadas.
-Si, está claro que cambiou o corpo técnico, pero hai moitas cousas que se manteñen, seguen moitos xogadores, os que veñen comparten a mesma idea, así que as liñas son semellantes.
-¿Ve un Celta con máis nivel?
-Creo que o equipo é competitivo, vese que ten moita intensidade, que compite ata nos adestramentos, e iso vese despois na liga.
-Con Luis Enrique os porteiros tamén eran protagonistas. ¿Cre que esta tendencia se manterá?
-Si, imaxino que ao novo corpo técnico tamén lle gusta saír xogando dende atrás. No fútbol moderno nun porteiro é importante o xogo cos pés, e con Berizzo non creo que vaia ser menos.
-Este ano o «stage» trasládase a Marbella. ¿É un indicativo de que o Celta tamén vai a máis?
-En Melgaço as instalacións tamén eran moi boas, este ano igual decidiron ir a Marbella por outras condicións que teñan os campos. Está claro que o club está investindo, ten moi pouquiña débeda e medra ano a ano.
-Vostede leva media vida no Celta. ¿Notou esa evolución?
-Si, o club pasou por momentos complicados, pero entre todos conseguimos que saíra adiante e agora converteuse nunha entidade exemplar a nivel español e europeo tanto económicamente como de traballo coa canteira.
Publicado por Redacción
Fuente: La Voz de Galicia
Seguir a @CanteiraCeleste